Razóns para visitar Pontevedra este outono (I)

Fecha de publicación: 02/10/2015 00:00

Probablemente non será necesario atopar unha razón para achegarse á Boa Vila neste tempo, pero aquí imos propoñer algunhas. Hoxe van as primeiras cinco!

 

1. A paisaxe de outono

Mudan as cores. Os verdes máis intensos dan paso a esceas de tons vermellos e ocres,  e ós marróns das follas que empezan a amorearse nas beiravías e nas zonas naturais como a Illa do Covo. O outono debuxa unhas paisaxes de gran beleza que acompañan ás rutas de sendeirismo da cidade. Adentrarse pola Senda dos Gafos ou a do Lérez, seguir o Camiño Portugués a Santiago ou descubrir os sendeiros que se abren paso entre as parroquias de Pontevedra son algunhas opcións.

 

2. O Centro Histórico

Por que agardar ó verán para perderse polas fermosas rúas de pedra de Pontevedra? Da Praza da Ferrería á do Teucro, da Verdura á Praza da Pedreira, Méndez Núñez, A Leña... a Boa Vila permite seguir os pasos da cidade vella nun dos cascos antigos mellor conservados e deterse nalgún dos seus tesouros monumentais, como o Santuario da Peregrina, a Basílica de Santa María ou a Igrexa de San Bartolomeu. Probablemente a chuvia miúda será compañeira de viaxe nalgúns días de outono, e outros moitos o sol, que tamén brilla con forza nos meses máis fríos nas Rías Baixas.

 

3. Unha cidade de premio

Nos últimos tempos Pontevedra vén de erixirise como unha cidade pensada para as persoas, amable e accesible, segura e acolledora, un modelo urbano recoñecido en Dubái ou Nueva York e un espello para moitas outras localidades. É a cidade do Lérez un lugar para percorrer a pé ou en bicicleta, de ponte en ponte... en todas as épocas do ano. 

 

 

4. Actividade cultural

Pontevedra é unha cidade moi activa a nivel cultural. Son moitas as actividades que se propoñen no último trimestre do ano para todos os públicos polo que un sempre ten moito que facer só ou en familia. Queres un exemplo? Os ciclos Imperdibles e Ponteatro, o novidoso Festival das Cóxegas ou un Festival Internacional de Cine Prólogo suman arredor de cincuenta excusas para achegarse á Boa Vila no último trimestre do ano. 

 

5. Un outono a pedir de boca nas Rías Baixas

O outono abre o apetito nas Rías Baixas cunha das citas gastronómicas máis recoñecidas. A Festa do Marisco, no Grove, é a oportunidade de degustar os produtos da ría no seu mellor momento: nécoras, ameixa, mexillón, navalla ou centola, son algúns dos protagonistas desta festa.  

Os sabores do outono son tamén os das xornadas micolóxicas e o xantar con cogomelos, os das primeiras castañas e os magostos tradicionais que non tardarán, ou os das cabaciñas, que teñen a súa propia Feira de Outono no centro de Pontevedra. Delicioso, non si? 



© Hotel Campaniola, Pontevedra, España - WEB OFICIAL® - Todos los derechos reservados - Aviso legal - Política de privacidad - Política de cookies - Condiciones de contratación - Developed by Interactivos