Sabes cantos hórreos hai en Combarro?

Fecha de publicación: 16/07/2015 09:00

E cantas formas tes para darlle nome a esta construción típica galega? Palleira, cabaceira, canastro ou piorno son algunhas das palabras que serven para designar ós famosos hórreos galegos, segundo a zona na que se atopen, a forma e os materiais cos que están construídos. Pedra, palla, madeira...

O hórreo é ademais o símbolo dunha das vilas máis turísticas das Rías Baixas: Combarro. Considerado de Interese turístico, Artístico e Pintoresco, é un dos pobos que máis visitantes atrae cada verán na comarca de Pontevedra e atópase a escasos minutos da nosa casa, o Hotel Rural Campaniola.

Pasear entre as pedras vellas que se erguen á beira do mar, degustar uns mexillóns da ría, unhas tapas de navallas, nécoras ou luras nun establecemento hostaleiro a pé de mar son só algunhas das delicias que ofrece a vila a quen se adentra no seu labirinto histórico.

Arredor de trinta hórreos dispostos sobre o mar, firmes e vixiantes das mareas, constrúen a sona da vila. Ata sesenta construcións deste tipo se espallan entre as rúas de pedra e arrecendo a mar da parroquia con máis sona de Poio.

A zona máis vella está ateigada de casiñas mariñeiras e cruceiros, as outras pezas características dun punto obrigado de paso tanto para quen se achega a coñecer as Rías Baixas, como para quen traza a Variante Espiritual do Camiño a Santiago.

 

 

 

 

 

                                                                                                                     @xiadasfoto

 

 

 

Curiosidades. 

Sabes por que os hórreos se erguen á beira do mar? Disque antano, os habitantes de Combarro se desprazaban a miúdo ata as parroquias de Lourido e Campelo onde posuían as súas terras cultivadas. Daquela, a mellor maneira de transportar a colleita era por mar e para iso decidiron que colocar as despensas en primeira liña de costa, a fin de descargar directamente as barcas sen ter que andar a levar os produtos polos complicados sendeiros da vila.

Contan ademais, que cando o actual Rei de España, entón Príncipe de Asturias, Felipe VI, se preparaba na Escola Naval Militar de Marín, facía algunhas escapadas cos seus compañeiros ata Combarro, para probar as delicias da ría. Se cadra estes días, aproveitando a súa visita, tamén se deixa caer por alí para lembrar vellos tempos.



Comentarios

    Sin comentarios por el momento

Deja tu comentario

© Hotel Campaniola, Pontevedra, España - WEB OFICIAL® - Todos los derechos reservados - Aviso legal - Política de privacidad - Política de cookies - Condiciones de contratación - Developed by Interactivos