Pontevedra, referente das cidades

Imaxina unha cidade para percorrer a pé ou en bicicleta. Para gozar dun paseo entre pedras cargadas de historia, para sentir a natureza á beira do río ou para saborear entre grolos e tapas nas súas terrazas. Esa é Pontevedra. Unha cidade de premio que nos últimos anos foi dando pasos cara a humanización e que hoxe presume de ser unha das vilas con maior calidade de vida para os seus cidadáns.

E non é que o digamos nós. No 2015 Pontevedra recibiu importantes recoñecementos a nivel internacional. Bruselas, Dubai, Nueva York ou Hong Kong   destacaron a excelencia do modelo urbano da Boa Vila. O Premio Intermodes, o Premio ONU Hábitat, o galardón do Center for Active Design ou o Premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro China 2015 avalan a aposta municipal pola peonalización e a adopción de medidas para facer unha cidade máis sostible e amable cos veciños. Na casa, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) tamén subliñou a aposta desta cidade pola integración.

 

Unha cidade para as persoas

A reforma urbana da cidade, a súa gran peonalización, a creación dos camiños escolares e iniciativas como a implantación da zona 30 na ou o metrominuto tradúcense na reducción dos desprazamentos en coche e de emisións de CO2, ademais, en Pontevedra non hai accidentes mortais no casco urbano desde hai catro anos e cada vez son máis os nenos que van andando sós ó colexio.

Por todo iso, hoxe en día responsables doutras cidades como Lugo e Ourense, Vitoria, Xixón, Zaragoza ou a veciña lusa Guimaraes inspíranse en Pontevedra para mellorar as súas urbes. E ti, cando pensas vir a coñecela?

 

 

 

Leer más
Noticias 0 comentarios

Razóns para visitar Pontevedra este outono (I)

Probablemente non será necesario atopar unha razón para achegarse á Boa Vila neste tempo, pero aquí imos propoñer algunhas. Hoxe van as primeiras cinco!

 

1. A paisaxe de outono

Mudan as cores. Os verdes máis intensos dan paso a esceas de tons vermellos e ocres,  e ós marróns das follas que empezan a amorearse nas beiravías e nas zonas naturais como a Illa do Covo. O outono debuxa unhas paisaxes de gran beleza que acompañan ás rutas de sendeirismo da cidade. Adentrarse pola Senda dos Gafos ou a do Lérez, seguir o Camiño Portugués a Santiago ou descubrir os sendeiros que se abren paso entre as parroquias de Pontevedra son algunhas opcións.

 

2. O Centro Histórico

Por que agardar ó verán para perderse polas fermosas rúas de pedra de Pontevedra? Da Praza da Ferrería á do Teucro, da Verdura á Praza da Pedreira, Méndez Núñez, A Leña... a Boa Vila permite seguir os pasos da cidade vella nun dos cascos antigos mellor conservados e deterse nalgún dos seus tesouros monumentais, como o Santuario da Peregrina, a Basílica de Santa María ou a Igrexa de San Bartolomeu. Probablemente a chuvia miúda será compañeira de viaxe nalgúns días de outono, e outros moitos o sol, que tamén brilla con forza nos meses máis fríos nas Rías Baixas.

 

3. Unha cidade de premio

Nos últimos tempos Pontevedra vén de erixirise como unha cidade pensada para as persoas, amable e accesible, segura e acolledora, un modelo urbano recoñecido en Dubái ou Nueva York e un espello para moitas outras localidades. É a cidade do Lérez un lugar para percorrer a pé ou en bicicleta, de ponte en ponte... en todas as épocas do ano. 

 

 

4. Actividade cultural

Pontevedra é unha cidade moi activa a nivel cultural. Son moitas as actividades que se propoñen no último trimestre do ano para todos os públicos polo que un sempre ten moito que facer só ou en familia. Queres un exemplo? Os ciclos Imperdibles e Ponteatro, o novidoso Festival das Cóxegas ou un Festival Internacional de Cine Prólogo suman arredor de cincuenta excusas para achegarse á Boa Vila no último trimestre do ano. 

 

5. Un outono a pedir de boca nas Rías Baixas

O outono abre o apetito nas Rías Baixas cunha das citas gastronómicas máis recoñecidas. A Festa do Marisco, no Grove, é a oportunidade de degustar os produtos da ría no seu mellor momento: nécoras, ameixa, mexillón, navalla ou centola, son algúns dos protagonistas desta festa.  

Os sabores do outono son tamén os das xornadas micolóxicas e o xantar con cogomelos, os das primeiras castañas e os magostos tradicionais que non tardarán, ou os das cabaciñas, que teñen a súa propia Feira de Outono no centro de Pontevedra. Delicioso, non si? 

Leer más
Noticias 0 comentarios

Oito anos comprometidos co atletismo

O vindeiro 19 de setembro ás 18.45 horas darase o pistoletazo de saída á Carreira Pedestre de Campañó-Gran Premio Hotel Rural Campaniola, enmarcada no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra. Esta convocatoria naceu co obxectivo de promover o deporte na parroquia e logo de oito anos está xa consolidada como unha das citas imprescindibles no calendario galego de carreiras populares.

Como en anos anteriores, a organización agarda  que entre 600 e 700 corredores procedentes de distintos puntos de Galicia e Portugal tomen parte na competición que abrangue 9.650 metros de percorrido.

As persoas que queiran participar poden anotarse na web www.championchipnorte.com ata o día 16 de setembro. Por outra banda, os máis novos poderán correr nas carreiras para menores que comenzarán unha hora antes. Neste caso a  inscrición pode facerse no mesmo día da proba. 

 

 

Leer más
Noticias 0 comentarios

Premios Cabaza de Ouro II

 Hotel Rural Campaniola acolleu durante a pasada fin de semana a entrega dos Premios Cabaza de Ouro, que outorga a Asociación de Amigos de Campañó cada ano. Nesta ocasión os premiados foron a Asociación Cultural Campañó, que está a celebrar o seu trinta aniversario, e o atleta Elías Domínguez, vencellado á parroquia desde que se afincou nela e a quen renden homenaxe pola súa traxectoria deportiva, pero tamén polo seu compromiso coa veciñanza.

Ó acto, que presentou o xornalista pontevedrés Xabier Fortes, contou coa asistencia do campión mundial de natación, David Meca, o empresario Ricardo Tilve ou a presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo.

Arredor dun cento de veciños participaron da cea organizada para a ocasión na nosa casa. Foi unha noite moi importante para nós!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Leer más
El Hotel 0 comentarios

Premios Cabaza de Ouro

O Hotel Campaniola acolle esta noite a entrega dos Premios Cabaza de Ouro, que este ano reciben a Asociación Cultural Campañó e o atleta Elías Domínguez. Arredor dun cento de persoas asistirá o acto, que contará coa presenza do campión David Meca, e o xornalista Xabier Fortes, que será o presentador un ano máis.

A ACD Campañó vive un ano moi importante xa que celebra o trinta aniversario da súa fundación de man de Anxo Ucha Cochón, Lito, e José María Domínguez, actuais presidente e secretario do colectivo. Recibe o galardón en recoñecemento ó seu traballo pola parroquia, o seu labor dinamizador e compromiso veciñal.

Os integrantes da ACD Campañó nunha excursión á Ribeira Sacra

 

Pola súa banda, Os Cabaza de Ouro recoñecen a traxectoria do atleta Elías Domínguez. Nacido en Vigo, é unha persoa moi vencellada a Campañó, onde vive desde que chegou a Pontevedra. “Desde o principio púxose a disposición da parroquia. Sempre nos axuda na organización da Carreira Pedestre de Campañó, unha das mellores de Galicia”, destaca José María Domínguez.

A parroquia de Campañó rende homenaxe ó deportista que este ano “colga as zapatillas” coa entrega do pin de ouro da parroquia e recoñece ademais o seu compromiso cos veciños. "E non podemos esquecer ó labor da súa muller, que sempre colabora moito nas actividades", engade.

Os premios

Os Premios Cabaza de Ouro consisten nun pin de ouro e diploma acreditativo. Entréganse cada ano no transcurso dunha cea no Hotel Rural Campaniola, á que asisten os veciños de Campañó, e deben o seu nome ó que fora un dos produtos por excelencia da parroquia.

Parabéns!

Leer más
El Hotel 0 comentarios

Sabes cantos hórreos hai en Combarro?

E cantas formas tes para darlle nome a esta construción típica galega? Palleira, cabaceira, canastro ou piorno son algunhas das palabras que serven para designar ós famosos hórreos galegos, segundo a zona na que se atopen, a forma e os materiais cos que están construídos. Pedra, palla, madeira...

O hórreo é ademais o símbolo dunha das vilas máis turísticas das Rías Baixas: Combarro. Considerado de Interese turístico, Artístico e Pintoresco, é un dos pobos que máis visitantes atrae cada verán na comarca de Pontevedra e atópase a escasos minutos da nosa casa, o Hotel Rural Campaniola.

Pasear entre as pedras vellas que se erguen á beira do mar, degustar uns mexillóns da ría, unhas tapas de navallas, nécoras ou luras nun establecemento hostaleiro a pé de mar son só algunhas das delicias que ofrece a vila a quen se adentra no seu labirinto histórico.

Arredor de trinta hórreos dispostos sobre o mar, firmes e vixiantes das mareas, constrúen a sona da vila. Ata sesenta construcións deste tipo se espallan entre as rúas de pedra e arrecendo a mar da parroquia con máis sona de Poio.

A zona máis vella está ateigada de casiñas mariñeiras e cruceiros, as outras pezas características dun punto obrigado de paso tanto para quen se achega a coñecer as Rías Baixas, como para quen traza a Variante Espiritual do Camiño a Santiago.

 

 

 

 

 

                                                                                                                     @xiadasfoto

 

 

 

Curiosidades. 

Sabes por que os hórreos se erguen á beira do mar? Disque antano, os habitantes de Combarro se desprazaban a miúdo ata as parroquias de Lourido e Campelo onde posuían as súas terras cultivadas. Daquela, a mellor maneira de transportar a colleita era por mar e para iso decidiron que colocar as despensas en primeira liña de costa, a fin de descargar directamente as barcas sen ter que andar a levar os produtos polos complicados sendeiros da vila.

Contan ademais, que cando o actual Rei de España, entón Príncipe de Asturias, Felipe VI, se preparaba na Escola Naval Militar de Marín, facía algunhas escapadas cos seus compañeiros ata Combarro, para probar as delicias da ría. Se cadra estes días, aproveitando a súa visita, tamén se deixa caer por alí para lembrar vellos tempos.

Leer más
Noticias 0 comentarios

O Pontevedra CF brinda no Hotel Campaniola

O Pontevedra CF achegouse ata a nosa casa para celebrar connosco o ascenso a Segunda B.

Antes de dirixirse a Mugartegui para festexar o ascenso coa cidade, a familia granate, coa súa presidenta, Lupe Murillo, á cabeza, fixo unha parada no Hotel Campaniola para brindar polo triunfo do pasado sábado. O adestrador, Luisito, os xogadores, os membros do corpo técnico e algúns conselleiros do club quixeron compartir connosco estes momentos de festa! Algúns aproveitaron para refrescarse na piscina e pasar unha tarde moi agradable. :)

Conseguímolo! Parabéns a todos!

A familia granate celebra o ascenso no Hotel Campaniola. Fotos: Xiadas

Nas imaxes: A familia granate celebra o ascenso no Hotel Campaniola. Fotos: Xiadas

Leer más
Noticias 0 comentarios

Trinta anos de historia

 

Levan desde primeiros de ano de celebración. E é que neste 2015 cumplen nada menos que trinta anos e hoxe é o día grande dos festexos. Os integrantes da Asociación Cultural e Deportiva de Campañó conmemoran o seu aniversario coa tradicional sardiñada e unha churrascada que comezará na tardiña no Campo da Festa. Máis tarde darán comenzo as actuacións de Carlos Blanco e Celso Sanmartín e o grupo folk Polavila, acto organizado para os socios, que porán os risos e a música na benvida ó verán.

 

Maios

Se por algo é coñecida a Asociación Cultural e Deportiva de Campañó é polos seus maios. Non en van son os autores do máis antigo de Galicia, xa que o confeccionan ininterrompidamente desde hai 31 anos. Ademais na última Festa dos Maios de Pontevedra, acadaron tres dos catro premios establecidos ó mellor maio, á coroa máis vistosa e ás mellores coplas. Tamén levaron o premio especial do xurado ata en dez ocasións.

 

Balanzo

Un dos obxectivos cumpridos dos que os membros da ACD Campañó se senten máis orgullosos é da construción da casa da cultura de Campañó, que se inaugurou no ano 2003, e que desde aquela acolle numerosas actividades ó longo de todo o ano.  “Desde hai varios anos somos a asociación veciñal que máis actividade social e cultural promove para os seus socios”, manifesta o secretario, José Domínguez.

Cursos, charlas, obradoiros... son só algunhas das iniciativas que organiza este colectivo para os socios de todas as idades, ademais de viaxes por España e Europa. Agora estudan a situación do patrimonio da parroquia, en colaboración coa Mancomunidade de Montes. 

 

Carreira Popular Campañó

Pero se hai algo no que xa están mergullados os responsables da Asociación é na carreira pedestre que organiza desde hai sete anos a Asociación Cultural e Deportiva Campañó co patrocinio do Hotel Rural Campaniola. Un ano máis, o terceiro sábado de setembro, coincidindo coa celebración das festas dos Dolores, terá lugar o Gran Premio Hotel Campaniola. Esta carreira popular inclúese no circuíto de carreiras que organiza o Concello de Pontevedra e que na súa edición de 2014 contou cuns 600 participantes entre adultos e as categorías base.

PARABÉNS!

Leer más
Noticias 0 comentarios

Ola mundo!

Ola mundo!

O prometido é débeda así que aquí estamos. Abrimos esta noite as portas do blog do Hotel Rural Campaniola. Un punto de encontro no que a partir de agora poderás atopar reportaxes, propostas, curiosidades, entrevistas... e moito máis!

Iniciamos unha nova andaina virtual e encantaríanos que foses o noso compañeiro de viaxe! Vés connosco?

 

Hola mundo!

Lo prometido es deuda así que aquí estamos. Abrimos las puertas del blog del Hotel Rural Campaniola. Un punto de encuentro en el que a partir de ahora podrás encontrar reportajes, propuestas, curiosidades, entrevistas... y mucho más!

¡Iniciamos una nueva andadura virtual y nos encantaría que seas nuestro compañero de viaje! ¿Te vienes con nosotros?

Leer más
Noticias 0 comentarios
© Hotel Campaniola, Pontevedra, España - WEB OFICIAL® - Todos los derechos reservados - Aviso legal - Política de privacidad - Política de cookies - Condiciones de contratación - Developed by Interactivos